Thursday 16 de May de 2024

O alcalde de Riveira reúnese co director xeral da Policía co fin de abordar a construción da nova comisaría


A actuación reviste carácter preferente para o Ministerio do Interior

O alcalde de Riveira mantivo este mediodía en Madrid unha reunión co director xeral da Policía, Germán López Iglesias, interesado en coñecer os prazos que manexa a Administración Estatal para a construción da nova comisaría de Riveira.

No transcurso deste encontro, no que tamén estivo o senador riveirense José Luis Torres Colomer, López Iglesias informou de que o proxecto de execución da infraestrutura pasou a supervisión do Ministerio do Interior e que reviste na actualidade “carácter preferente” para o organismo gubernamental.

Último escollo
Só lle resta superar o último escollo: a súa consignación orzamentaria nos Presupostos Xerais do Estado para este ano 2017, algo que dependerá de como finalmente cadren as partidas deste plan anual. A construción da nova comisaría supón un investimento que supera os 3,5 millóns de euros.

Manuel Ruiz expresou a súa esperanza de que finalmente saian os números e a execución da infraestrutura poida comezar a ser unha realidade este ano tras os imprevistos que provocaron a súa demora.

A este respecto, cómpre lembrar que a actuación fóra incluída no Plan Director de Infraestruturas da Dirección Xeral da Policía e existía un compromiso de introducila nos orzamentos de 2016, pero os terremotos de Lorca motivaron que o investimento previsto fose destinado a afrontar esta emerxencia.

Sen embargo, o Goberno non desistiu da súa intención de construír a nova comisaría e no pasado mes de febreiro de 2016 solicitou unha nova prórroga na cesión dos terreos de Fontán.

A edificación situarase nunha parcela de 2.000 metros ubicada neste lugar moi preto do paseo do Touro. Terá unha superficie de máis de 2.115 metros cadrados e constará de planta soto, planta baixa e dúas plantas áreas.

Entre outras dependencias, na planta baixa estarán situadas as oficinas de atención ao cidadán, DNI, estranxeiría e Grupo Local de Seguridade Cidadá; mentres que a planta primeira disporá dos correspondentes espazos para a policía científica, arquivo, grupo local de información, sala brifing, administración e xefatura, e o grupo operativo local.

Na planta segunda situarase a vivenda para o comisario, con tres dormitorios, salón e cociña. Rodeando a vivenda disporase dunha terraza perimetral con vistas á Ría de Arousa. Tamén haberá unha zona de sindicatos e usos múltiples.

Pola súa parte, a planta sótano contará cunha galería de tiro e armería, así como un garaxe con oito prazas de aparcamento, zona de calabozos e vestiarios. Sobre a cuberta desta planta sótano disporase á súa vez un aparcamento en superficie con outras 12 prazas nunha superficie aproximada de 415 metros cadrados.